Celadores/as do Chuvi inician un peche no novo hospital de Vigo para rexeitar a privatización das súas funcións

Pretenden manter a mobilización polo menos até o 13 de outubro, xornada na que hai previsto un paro xeral de 24 horas na área sanitaria

O colectivo de celadores da EOXI de Vigo vén de iniciar un peche no interior do novo hospital para rexeitar a privatización do servizo, xa que boa parte das súas funcións están a seren asumidas por persoal externo contratado pola concesionaria a través dunha ETT. A intención dos convocantes é manter a mobilización polo menos até o 13 de outubro, xornada na que hai previsto un paro xeral de 24 horas no conxunto da área sanitaria.
A protesta dos celadores/as, que se desenvolve na entrada de consultas e que está previsto que pase á entrada principal na tarde de hoxe, prodúcese unha vez se constatou a cada vez maior presenza do persoal de Transporte Interno e Xestión Auxiliar (Tiga), contratado pola empresa concesionaria do novo hospital a través dunha ETT.

Estes traballadores/as sen formación específica encárganse a partir de agora de funcións de transporte interno non asistencial, mentres que o externo (que inclúe o traslado de pacientes) seguirá a ser competencia do Sergas até o 1 de outubro.

Entre as funcións que este persoal vén de asumir atópanse a recollida e entrega de mostras biolóxicas, petición de probas, correo interno, envases de hemoderivados baleiros e banco de sangue co informe de hemovixilancia, medicación de farmacia de envío puntual ordinario ou urxente, carros de medicacións e cambio de maletíns entre carros, citostáticos, material procedente e con destino en esterilización, e documentación para destrución”, segundo un comunicado interno da propia Consellería.


Os afectados/as xa denunciaran publicamente o que considera unha privatización encuberta, un primeiro paso para a desaparición dun colectivo fundamental dentro da sanidade pública. Inciden en que o recorte das súas funcións xera un prexuízo manifesto para os traballadores/as con lesións e patoloxías derivadas dos esforzos e sobrecarga física continuada, “xa que isto supón non poder realizar outras funcións, igual de importantes e necesarias, acordes coa súa problemática”.


Tamén entenden que no caso das persoas inscritas na Listaxe de Contratación Temporal do Sergas (na que se valora a nota de exame de oposición pública, cursos de formación realizados e experiencia profesional acumulada) “a privatización supón simplemente deixar de traballar”.


Por todo isto, tal e como adiantara un dos voceiros/as do colectivo que agrupa aos máis de 450 celadores/as que traballan na área sanitaria viguesa, presentarán denuncia nos Xulgados por intrusismo laboral. Ademais, a súa intención é manter o peche cando menos até o 13 de outubro, xornada na que hai previsto un paro xeral de 24 horas na área sanitaria.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook