Toyota e PSA Peugeot Citroën amplían o seu acordo de cooperación

O consorcio francés PSA Peugeot Citroën e Toyota reforzaron a cooperación que manteñen desde 2012 coa presentación da nova xeración de vehículos comerciais medios para as marcas Peugeot, Citroën e Toyota, segundo informaron ambas as corporacións.


Citroën Space Tourer, novo vehículo comercial froito da alianza PSA-Toyota
Os novos Peugeot Traveller, Citroën Space Tourer e Toyota Proace ofreceranse tanto en carrocería Combi como Shuttle e lanzaranse durante o primeiro semestre do próximo exercicio, aínda que a súa presentación será no próximo Salón Internacional do Automóbil de Xenebra.

As dúas empresas destacaron que o Toyota Proace, desde 2013, baseábase nos modelos Peugeot Expert e Citroën Jumpy, aínda que o acordo subscrito en 2012 contemplaba o desenvolvemento común dunha nova xeración de modelos, así como que a colaboración se prolongaría máis aló de 2020.

PSA e Toyota explicaron que esta cooperación ten o obxectivo de ofrecer un produto competitivo no segmento de vehículos comerciais de tamaño medio, a través da optimización de custos de desenvolvemento e de produción. Estes novos modelos fabrícanse no centro da corporación gala en Sevelnord (Francia).

A división europea de Toyota participou nos custos de desenvolvemento e nos investimentos industriais destes vehículos comerciais, que comparten todas as características técnicas e motorizacións, así como equipamento, aínda que teñen un deseño distintivo.

O director de Programas e Estratexia de PSA Peugeot Citroën, Patrice Lucas, mostrouse encantado de presentar estes tres vehículos e apuntou que o acordo serviu para desenvolver unha nova plataforma eficiente para ofrecer produtos modernos e competitivos no seu segmento.

"Estamos moi contentos de que da colaboración que iniciamos en 2012 con PSA Peugeot Citroën naza hoxe unha nova xeración do Toyota Proace", subliñou o presidente e conselleiro delegado da compañía en Europa, Johan van Zyl.


Fonte: http://www.eleconomista.es/ecomotor/motor/noticias/7187830/12/15/Toyota-y-PSA-Peugeot-Citron-amplian-su-acuerdo-de-cooperacion.html
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook