A corporación municipal de Vigo, coa excepción do PP, apoia a ILP da CIG en demanda dunha tarifa eléctrica galega

O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, tomou a palabra no pleno para explicar a proposta

O Concello de Vigo aprobou hoxe, cos votos en contra do PP, unha declaración de apoio á ILP de medidas contra a pobreza enerxética e para garantir a enerxía como servizo público
que promove a CIG. O secretario comarcal, Alberto Gonçalves, foi o encargado de tomar a palabra no pleno para explicar a proposta da central.
O representante sindical indicou que a iniciativa está fundamentada no valor estratéxico que para Galiza ten o sector enerxético, polo que representa no seu produto interior bruto e por ser un factor relevante para a produción industrial.

Lamentou que no Estado español se impuxese o criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única, prexudicial para Galiza ao tratar por igual os consumidores/as dos diferentes territorios, sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía.


“É posíbel a concreción dunha tarifa máis baixa, para que realmente exista un beneficio económico para o propio país, para favorecer o consumo doméstico dunha poboación que ten as pensións e os salarios entre os máis baixos do Estado español e para posibilitar o seu crecemento industrial”, asegurou.

Na proposta da CIG concrétase o desenvolvemento dunha política enerxética baseada no papel protagonista da Administración galega, na necesidade para o país de dotármonos dunha tarifa eléctrica específica, fundamentada da nosa condición excedentaria na produción eléctrica, da análise das perdas no transporte e distribución, así como das diferentes peaxes do sistema que atenden ás singularidades de determinados territorios.


Ademais, establécese unha concepción da enerxía como un dereito universal de todas as persoas. Para tal fin, concrétase a definición da pobreza enerxética e articúlanse varias medias para a defensa das persoas consumidoras en situación de pobreza enerxética, ao ser un problema de cada vez maior importancia na sociedade galega.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook