2ª REUNION >> ERE - PLAN DE BAIXAS - FLEXIBILIDADE

Este foi o contido da reunión mantida no día de onte:

Dirección.- Fai unha exposición sobre as bases polas cales se regularían os ERES entre Abril 2016 – Marzo 2018:

O ERE Extintivo para un volume máximo de 400 traballadores/as:

PLAN DE BAIXAS.- Ao cal estarían enfocadas as posibles saídas voluntarias dos compañeiros veteranos que a día de hoxe están inscritos na Seguridade Social ao “Acordo Colectivo sobre Plan de Xubilación Parcial e Xubilación Anticipada (26 de Marzo de 2013)”. Coas mesmas indemnizacións por idades que o que temos en vixencia hoxe en día:
59 anos.- Máximo 3 anualidades S.A.B. 60 anos.- Máximo 2´50 anualidades S.A.B.;
61 anos.- Máximo 2 anualidades S.A.B. 62 anos.- Máximo 1 anualidade S.A.B.;
63 anos.- Máximo 0´66 anualidades S.A.B. 64 anos.- Máximo 0´50 anualidades S.A.B.

EXTINCIÓN CONTRATO CON MOBILIDADE.- Esta proposta estaría aberta a todo traballador/a (vista funda; vista bata; vista garabata) que, VOLUNTARIAMENTE, quixera romper definitivamente a relación co Centro. Está dirixida preferentemente para persoal de menos de 50 anos. A indemnización sería 1 anualidade por cada 11 anos de antigüidade cun máximo de 2´5 anualidades (± 33 días por ano de antigüidade). E para o cálculo do seu Salario Anual Bruto faríase en relación aos 12 meses anteriores á súa Extinción.

EXTINCIÓN CONTRATO CON DEREITO PREFERENTE DE REINGRESO AOS 30 MESES.- Este tamén estaría aberto a todo traballador/a (vista funda; vista bata; vista garabata) que, VOLUNTARIAMENTE, decidira romper a relación co Centro nun tempo máximo de 30 meses. Dirixido tamén preferentemente a persoal de menos de 50 anos. A indemnización sería 1 anualidade do S.A.B. e con dereito ao seu reingreso previa solicitude cunha antelación mínima de 3 meses. Conservando as súas condicións actuais (antigüidade, modelo de contrato, categoría,...) tal e como así recolle o Dereito Lexislativo.

O ERE Temporal Suspensivo de Emprego e Soldo:

ERE TEMPORAL SUSPENSIVO PARA AS LIÑAS PRODUTIVAS.- No cal se solicitarían un total de 20 días para os dous anos de vixencia para cos traballadores/as cun saldo de bolsa actual igual ou superior a -10 días e que se faría efectivo unha vez, a nivel individual, se esgotaran os días de Adecuación e o saldo de bolsa de horas. As condicións serían iguais ao que hoxe en día está en vigor e as indemnizacións tamén (da 1ª a 5ª xornada de ERE sen compensación, da 6ª ao 20ª xornada a compensación sería ata o 80% do salario bruto).

ERE TEMPORAL SUSPENSIVO ROTATIVO PARA A ESTRUTURA.- Faríase efectivo en tanto non se reducira 158 postos en dito colectivo. Este sería aplicable para todo o Colectivo Mensual 758 efectivos. A compensación por cada xornada de ERE sería a mesma que aos traballadores/as das Liñas produtivas (da 1ª a 5ª xornada de ERE sen compensación, da 6ª ao 20ª xornada a compensación sería ata o 80% do salario bruto).


Intervención da C.I.G.: Recoñecendo que, o ERE, non é a medida máis beneficiosa para os traballadores e traballadoras, non debemos eludir a busca de solucións alternativas á realidade actual. De aí que, os nosos prantexamentos foron:

No relativo ao ERE dirixido para os Veteranos das Liñas de Produción,
.- Seguimos defendendo que se permita acollerse ao ERE que temos en vigor a día de hoxe aos compañeiros veteranos de Taller.

.- Incidimos do importante volume de traballadores/as con idades comprendidas entre os 62 e 63 anos aos cales se lles deben mellorar as compensacións económicas.

.- Matizamos que, despois da voluntariedade, o seguinte principio de prioridade para acceder a este ERE sexa a idade.

En relación ás outras dúas modalidades de ERE Extintivo, sendo novidade, e tendo en conta que sempre prevalecerá a decisión de acollerse ou non ao traballador/a, incidimos que se respecten as condicións expostas sen ningún tipo condicionante.

En relación ao ERE Temporal Suspensivo de Emprego e Soldo, consideramos que, a Dirección, ten que adquirir compromisos á hora de aplicar días de ERE como serían, aplicalos de forma proporcional para con toda a Estrutura Xerárquica e non única e exclusivamente para os/as traballadores/as de Man de Obra Directa; Non poderán convivir con xornadas de sábados nin prolongacións de xornadas; etc...

Neste aspecto a Dirección conclúe esta reunión manifestando que:

.- Colle nota dos prantexamentos expostos en cada unha das Modalidades de ERE.

.- No relativo ao Plan de Baixas como ao ERE suspensivo de 20 días resalta que, as condicións e medidas de acompañamento social, non serán inferiores as que xa temos actualmente e que tamén aplicaría os días de ERE Suspensivo á Estrutura Xerárquica.

.- Matiza que, con estas medidas, quedaría descartada a aplicación da Cláusula de Variabilidade.

.- Accede a nosa petición, compartida tamén por outras Centrais Sindicais, de habilitar a posibilidade de promover a saída de Veteranos de Taller neste ERE que temos aberto.

Por parte da Dirección fainos saber que, o vindeiro Venres 04 as 9:30, celebrarase a seguinte Reunión na cal nos prantexará cales son os compromisos que, ao seu entender, se deben adquirir para poder abordar eses volumes significativos que se prevén para mediados 2018 en adiante.

Vigo, 03 de Marzo de 2016

Preme para ampliar ou descargar
Preme para ampliar ou descargar


CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA




Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook

0 comentarios:

Publicar un comentario