A media de idade dos traballadores da multinacional sitúase nos 28 anos e a CIG denuncia que 'esconde' ou prexubila ás mulleres de máis de 50
Tenda de Zara |
Nas ofertas de emprego do grupo que se poden atopar por Internet non hai referencias á idade nin ao físico, pero é un segredo a voces que as firmas de moda empregan a persoas con estes perfís para facer da experiencia de comprar algo máis agradable.
Perfil novo
Como explican desde a propia compañía, nas distintas firmas do grupo "predomina un perfil novo". De feito, como destaca a multinacional na súa memoria anual, en 2014 a media de idade do persoal sitúase nos 28 anos. O 87% traballa nas tendas e son na súa maioría mulleres – 77% fronte a 23% –. No entanto, esta considerable diferenza vai reducíndose coa progresiva entrada de homes en establecementos como Bershka, onde a súa presenza era algo inusual.
Laura (nome ficticio), de 26 anos, traballa nunha das tendas da multinacional con sede en Arteixo desde fai menos dun ano. Explica que, para ser contratada, tivo que pasar unha entrevista que consistiu nunha dinámica de grupo. "Aí máis que no físico fixábanse en que foses resolutiva e tiveses unha boa imaxe". Con todo, asegura que ningún dos alí presentes superaba a trintena. "Quizá teña algo que ver o público ao que nos diriximos, que tamén é novo", apunta.
Vai por marcas
E algo ten que ver. De feito as distintas marcas da multinacional adecúan a idade dos seus dependentes á dos seus potenciais clientes. En comercios como Bershka ou Stradivarius, máis enfocados ao público xuvenil, é difícil dar con dependentes con máis de 30 anos e quizá o que atope sexa o encargado. Pero en Uterqüe, a división de complementos creada en 2008, non sucede así. As persoas que atenden, xeralmente mulleres, deixaron atrás a trintena hai anos. Tamén ocorre en Zara (e a súa versión de baixo custo: Lefties) en Massimo Dutti e, en menor medida, en Pull&Bear. Este tres son, curiosamente, as firmas máis lonxevas do grupo.
O traballo non debería faltar mentres o corpo aguante, pero ¿que pasa cando a imaxe do vendedor xa non é a que a firma considera ideal? Roberto Pérez Vila, responsable de Comercio de CIG, recoñece que este é un problema ao que se enfronta todo o sector. No caso concreto de Inditex, explica, "esconderon ás mulleres de máis de 50 anos nos almacéns de Arteixo, a outras as prejubilaron e algunhas delas continúan como encargadas". "As cadeas máis veteranas non saben que facer coas que pasan de 40 (anos)", engade.
Demorando o problema
Inditex non é allea a esta realidade, por iso, como sinala Pérez Vila, as cadeas contratan a xente cada vez máis nova para tentar demorar o problema, rapaces de 18 a 20 anos que buscan o seu primeiro emprego. Mesmo os hai con menos anos, xa que se aproveitan dos módulos de FP, con contratos de formación", explica.
Oficialmente non existe nada sobre o papel, pero a realidade é que para entrar a vender en Inditex "hai que ser menor de certa idade". As probas de selección, denuncia o responsable sindical, convertéronse en "auténticos certames de beleza". Ademais, apunta, "agora nótanse máis as esixencias de imaxe; non só coa xente que vai cumprindo anos, senón tamén coa que gaña quilos".
Fonte: http://www.economiadigital.es/es/notices/2016/01/-por-que-los-dependientes-de-inditex-no-pasan-a-los-40-anos-81068.php
0 comentarios:
Publicar un comentario