O IPC negativo prexudica dobremente a traballadores/as, parados/as e pensionistas galegos
Manifestación por uns salarios dignos |
Alén do transporte e da vivenda, no resto dos grupos producíronse incrementos nos prezos dos seus compoñentes, destacando especialmente o grupo de alimentación e bebidas non alcohólicas, é dicir, os produtos de primeira necesidade, que experimentaron un aumento medio do 1,4%.
Pola contra, o ano pasado pechouse cun descenso da inflación medida a través do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) do 0,2% en Galiza; na media estatal non variaron os prezos con respecto ao ano 2014, rematando 2015 cun valor do 0% neste indicador.
A evolución do prezo dos carburantes (con moita incidencia nos grupos de transporte e vivenda) mantén este indicador en valores planos, ou negativos no caso do noso país; o ano 2014 rematara cun descenso do 1%.
Dende a CIG lembran que a participación de cada grupo de produtos no cálculo do IPC é unha media ponderada, pero a proporción de renda que cada familia destina a alimentación é menor a medida que medra a renda; ou o que é o mesmo, cando menores son os ingresos maior é a porcentaxe dos mesmos que se destina a alimentación.
Cando a evolución dos prezos é tan desigual por grupos, como no ano 2015, o IPC realmente non mide a perda de capacidade adquisitiva dunha parte importante da poboación, neste caso a que conta con menores ingresos.
“Este indicador non mide a perda real de poder adquisitivo e vai agravar a situación a medio prazo, xa que é utilizado maioritariamente para a variación tanto de pensións como de salarios para o vindeiro ano”, sosteñen dende a central.
E por isto que os traballadores/as, parados/as e pensionaistas galegos/as, coas pensións e os salarios máis baixos de todo o Estado, vense dobremente prexudicados polos valores deste indicador.
0 comentarios:
Publicar un comentario