O servizo de limpeza dos hospitais de Vigo convoca folga indefinida para reclamar contratación de persoal

Os empregados/as, que hoxe desenvolveron novas protestas no hospital Álvaro Cunqueiro, denuncian sobrecarga de traballo, falta de material e incumprimentos por parte da empresa

Traballadoras/es da limpeza do Cunqueiro
As traballadores/as da limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) iniciarán unha folga indefinida a partir do vindeiro día 16 para reclamar a contratación de máis persoal, en concreto entre 25 e 30 persoas. Dende as tres centrais con representación no comité de Acciona, empresa encargada do servizo, denuncian exceso de carga de traballo, falta de material e incumprimentos en materia laboral.

A convocatoria de folga, que foi formalizada hoxe mesmo pola CIG, CCOO e CGT -os tres sindicatos con representación en Acciona Facility Services- farase afectiva a partir das sete da mañá do mércores 16. O paro afectará aos 155 traballadores/as que desenvolven o seu labor nos hospitais Álvaro Cunqueiro, Rebullón, Nicolás Peña e Xeral-Cíes e no ambulatorio da Doblada, aínda que a gran maioría deles/as están adscritos ao novo hospital.

Os motivos do paro teñen que ver coa falta de persoal, coa escaseza de material e cos incumprimentos en materia laboral por parte da empresa, o que estaría a afectar tanto aos propios/as traballadores/as como a usuarios/as e pacientes. Segundo a estimacións dos sindicatos, o conflito resolveríase coa contratación de entre 25 e 30 persoas.


Dende as centrais sosteñen que incluso se deixaron quirófanos sen abrir por falta de limpeza. O máis grave é o que sucede no Álvaro Cunqueiro -centro no que desenvolven o seu labor a maioría dos traballadores/as do servizo-, que ten practicamente o mesmo número de empregados/as da limpeza que tiña o hospital Xeral, cando ten catro veces máis superficie (55.000 metros cadrados fronte a 192.000).


Os incumprimentos en materia laboral e de convenio é outra das cuestión que motivaron a convocatoria, xa que a empresa segue a aplicarlles ás empregadas/os eventuais o convenio provincial de Limpeza de Edificios e Locais en lugar do de equiparación. Esta irregularidade foi posta e coñecemento da Inspección de Traballo, que instou a adaptar os contratos, cousa que Acciona aínda non fixo.


Ao mesmo tempo, a representación dos traballadores/as cursou hai 10 días unha petición de xuntanza co xerente da EOXI de Vigo, sen obter resposta até o de agora. E iso que os afectados/as levan tres semanas realizando concentracións de protesta no interior do novo hospital en horario de mañá e tarde, mobilizacións que continuaron hoxe.


Dende a representación da CIG no comité de empresa sinalaron que os problemas no servizo de limpeza son constantes. “Temos dificultades, por exemplo, para o mero feito de sacar o lixo do edificio, xa que a concesionaria só deixa que se faga a certas horas e por unha porta que está a escasos metros da porta da cociña”.


A escaseza de contedores tamén provoca incidencias; “no Xeral tiñamos arredor de 100 e aquí unicamente unha ducia, e reciclados”. Como tamén son recicladas as xaboneiras, que tivemos que ir por elas ao Xeral”, indican.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook