Milleiros de persoas percorren Ferrol en defensa do naval

Máis de 5.000 persoas percorreron na mañá do domingo as rúas de Ferrol en defensa do sector naval, co fin de reclamar carga de traballo para os estaleiros de Navantia de Fene e de Ferrol.


Ferrol, que forma parte da comarca máis castigada pola crise, acolleu na mañá do domingo unha mobilización da que tomaron parte milleiros de persoas para reclamar carga de traballo para os estaleiros. Convocada polos comités de empresa de Navantia Fene e Ferrol, a manifestación rematou na Praza de Galiza, onde se leu o manifesto que reivindica postos de traballo.


Coa mobilización do domingo, os traballadores dos estaleiros tratan de que o naval entre tamén na campaña electoral, fartos de que a Xunta de Galiza e o Goberno central se comprometan con medidas que non fican en nada. Participou da marcha o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, quen puxo de manifesto que “os problemas do sector naval non son unicamente desta comarca, senón de ámbito galego, por ser un sector básico da nosa economía”.

Nesta liña, Jorquera acusou a Xunta de Galiza e o Goberno central de “deixar morrer o sector”, tal e como fan con “outros sectores fundamentais, como o da pesca e o leiteiro”. Jorquera denunciou que as políticas do PP “están deixando Galiza sen futuro, sen unha base económica propia”.


O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que tamén participou na manifestación, criticou a desaparición do naval nos últimos anos “por moito que se venda agora en campaña que hai carga de traballo”. Lembrou que hai catro anos, cando Mariano Rajoy iniciou o mandato, “había máis de 2.000 persoas da empresa principal e unhas 4.000 da industria auxiliar traballando”. A día de hoxe, apuntou, “só hai 1.000 con ocupación efectiva, un 60% de subactividade do cadro de persoal principal”.


Tamén se sumaron ao protesto sete tractores de produtores leiteiros de Ferrolterra, que tamén demandaron solucións para o leite.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook