Freiremar presenta outro ERE extintivo para o conxunto do persoal pero acepta elevar as indemnizacións até os 35 días

Os traballadores/as afiliados/as á CIG sumáronse a unha proposta que establece un período de nove meses para abonar os salarios e as liquidación pendentes


A compañía pesqueira Freiremar, con instalacións en Vigo, aplicará en breve un novo ERE extintivo ao conxunto do persoal tras aceptar elevar as indemnizacións até os 35 días por ano traballado cun máximo de 18 mensualidades. Os traballadores/as afiliados/as á CIG sumáronse a unha proposta que establece un período de nove meses para abonar os salarios e as liquidación pendentes, para o que a empresa terá que comezar a vender parte dos seus activos.


O anuncio foi feito hoxe en rolda de prensa por responsábeis da FGAMT-CIG, que compareceron diante dos medios de comunicación xunto a dous integrantes do comité de empresa. Dende a central explicaron que o novo ERE extintivo, que afectará aos arredor de 200 traballadores/as que continúan na compañía no conxunto do Estado español (85 deles/as galegos/as), chega despois de que o anterior fose anulado pola Audiencia Nacional.

Daquela os traballadores/as afectados/as eran máis de 300, pero neste tempo arredor dun cento deles/as chegaron a acordos individuais coa empresa e recibiron indemnizacións e 20 días por ano, cun máximo de 12 mensualidades. En Galiza foron moi poucas as persoas que optaron por esta saída individual, e agora verán incrementadas as súas indemnizacións.


A sentenza obrigou a empresa a readmitir os traballadores/as dende outubro de 2014, tendo que abonarlle os salarios con efecto retroactivo dende esa data, mais os empregados/as víronse afectados/as porque quedaron sen seguro de desemprego. Coincidindo coas negociacións do ERE a compañía optou por abonarlles os soldos dos meses de setembro, outubro e novembro deste ano, pero na súa proposta non ofrecía máis que 20 días por ano de indemnización. “A nosa oferta eran 35 días por ano, o que finalmente foi aceptado”, indican dende a FGAMT-CIG, que conta con tres dos 12 representantes na mesa negociadora a nivel estatal. Ademais, a administración concursal pretendía un prazo de 15 meses para abonar as débedas e as liquidacións, “pero nós contemplabamos un máximo de nove meses, que ao final é o prazo que se establece”.


Esta proposta foi aceptada en asemblea polos traballadores/as de Freiremar afiliados/as á CIG, que na actualidade son arredor de medio cento. A partir de agora a empresa comezará a vender activos para poder abonar as cantidades pactadas, que segundo estimacións da CIG elevaríanse a oito millóns de euros. “O primeiro que van vender son a naves de Valencia e Murcia e unha empresa conxeladora en Mercamadrid”.


Con todo, dende a central anuncian que velarán para que ademais do acordo se cumpran unha serie de requisitos, como “garantir que o contador do seguro de desemprego dos traballadores/as volva a cero e lles sexa a abonada a diferenza co seus salarios”; outra das demandas pasa porque a empresa entregue todas as nóminas; tamén instan a administración concursal a que certifique a débeda existente; e finalmente reclaman o abono inmediato das cantidades que figuran nas 40 demandas individuais gañadas correspondentes a pagas extras, vacacións e diferencias salariais de convenio.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook