¿Que significa denunciar un convenio?

Todo Convenio Colectivo ten un ámbito de vixencia temporal, é dicir, un período de aplicación, que debe establecelo o propio Convenio. Normalmente, o período vai desde o mínimo dun ano, ao máximo de catro, establecéndose á súa vez o modo no que vai producirse a revisión salarial neses anos de vixencia.
Á súa vez, debe establecer que ocorre cando se cumpre ese período de vixencia, de tal maneira que se regule, ou ben a súa prórroga por períodos anuais, ou ben como e cando pode producirse o que se denomina a DENUNCIA do mesmo, é dicir, a súa PROPOSTA DE REVISIÓN.


Esta proposta de revisión ten uns prazos para anunciarse, e uns pasos para seguir, tamén regulados no texto do Convenio. Aparecen así en escena conceptos como a parte social (representantes dos traballadores) e a parte empresarial ou patronal (representantes dos empresarios); a Comisión Paritaria (órgano de seguimento do cumprimento do Convenio e de interpretación do mesmo nos casos de dúbida ou confl icto sobre as normas que contén), cuxo nome devén da súa composición, pois a conforman tanto a parte social como a patronal, e en número igual de representantes por cada unha delas.
O proceso que se inicia ao denunciarse o Convenio varía en prazos segundo a regulación establecida, pero é común a todo texto convencional que, unha vez comunicada dita intención a todos os Sindicatos e Empresarios do ámbito en cuestión, debe convocarse unha nova Mesa de Negociación, para iniciar os traballos de revisión do devandito Convenio, que darán lugar a un novo Convenio, coa vixencia temporal correspondente.

O marco da devandita revisión establéceno as partes, é dicir, non significa que teña que ser modificado o Convenio na súa integridade, senón normalmente aquelas cuestións que máis preocupen ás partes, ou que xerasen máis traballo na Comisión Paritaria por existir diverxencias na súa interpretación, ou por demostrarse obsoletas ou non operativas no día a día da súa aplicación, ou porque sexa necesario adaptar algunhas materias aos cambios lexislativos que se produciron, ou porque as partes queiran introducir, no marco da súa autonomía e dentro dos límites legais, novas cuestións ou melloras no sector de produción de que se trate.
E mentres dura ese novo proceso de negociación, o Convenio Colectivo denunciado segue mantendo a súa vixencia e aplicación, no grao que estableza o propio Convenio. 
É neste proceso cando a experiencia acumulada neses anos de vixencia, a análise da realidade, as diferentes propostas que se foron elaborando por parte dos traballadores e os seus representantes, deben tomar forma nesa Mesa de Negociación, para pasar a formar parte do novo Convenio Colectivo.


Fonte: conveniocinetv.com
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook