CIG-Industria convoca unha manifestación o mércores 21 de outubro en Compostela en demanda dun convenio galego do Metal

Delegados e delegadas do sector do Metal da CIG mobilizaranse -o vindeiro mércores, día 21 de outubro, con saída ás 11:00 horas da Alameda compostelá- en demanda do desbloqueo das negociacións dos convenios provinciais, caducados, no caso de Lugo e Ourense, desde 2012, e no caso de Pontevedra e A Coruña desde finais de 2014


Así o anunciou en rolda de prensa o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, quen avanzou que a CIG demandará ademais un convenio galego para unificar as condicións laborais, salariais e sociais de todos os 
traballadores/as do sector.
A manifestación está previsto que saia da Alameda compostelá contra ás 11:00 horas para dirixirse primeiro á Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), onde farán entrega dun escrito no que se recollen estas demandas. A marcha continuará despois cara o Consello Galego de Relacións Laborais, onde tamén entregarán un escrito no mesmo sentido e en demanda de que este organismo inste a pular por un convenio galego do sector.

Segundo explicou o secretario nacional de CIG-Industria, os convenios do Metal paralizados afectan a máis de 52.000 traballadores/as (3.500 de Lugo; 4.700 de Ourense; 20.000 da Coruña e 24.000 de Pontevedra) de máis de 10.000 empresas.

Bouzas denunciou o “pasotismo total” das patronais de Ourense e Lugo, onde sinalou que non se produciron, desde que caducaron os convenios en 2012, máis de 2 ou 3 xuntanzas so pretexto, por parte da patronal, da situación de crise e de que había que agardar a que se aprobaran as reformas laborais. “Unha vez se fixo a reforma laboral, agora o que vemos na patronal é unha negativa á hora de negociar os convenios colectivos”.

Lembrou que por parte das centrais sindicais se insistiu na necesidade de que os traballadores/as tiveran incrementos salariais, para que puideran recuperar o seu poder adquisitivo e mellorar as condicións laborais, pero que “non houbo xesto ningún sequera para sentar a negociar”.

Ademais sinalou que a patronal de Ourense quere abrir a posibilidade de que se traballe en sábados e que a parte social, en Lugo, que se inclúa a subrogación dos traballadores/as das subcontratas, que agora non está garantida, en convenio.

Xunto a isto chamou a atención sobre o feito de que antes os convenios si tiñan cláusula de revisións salarial e a entrada en vigor era a principio de ano. “Agora entran en vigor ao día seguinte da súa sinatura, ou ao día seguinte da súa publicación no DOG”.

Isto está provocando que pasen os meses sen que haxa incrementos salariais. Por iso considerou imprescindíbel conseguir chegar a acordos para que as táboas salariais se actualicen e os traballadores/as non perdan poder adquisitivo mentres non se asinan os novos convenios. “Estamos falando dun colectivo moi importante que repercute tamén na recuperación económica do conxunto do país”.

Convenio de Pontevedra como ‘avanzadilla’

No caso do convenio de Pontevedra, Manuel Simón, membro da Executiva da CIG-Industria e responsábel nacional de Negociación Colectiva, explicou que aquí si houbo até 16 reunións coa patronal pero que a súa pretensión é “impor a reforma laboral” servindo ademais como ‘avanzadilla’ para todos os demais e provocando un importante retroceso en dereitos recoñecidos desde hai anos.

A isto engadiu que xa houbo algún acordo asinado por CCOO e UGT en 2012-2013 referido á distribución irregular da xornada que empeora mesmo o que di a lei. “Incluíron un artigo segundo o que se pode preavisar con tan só dous días de antelación en caso de urxencia, cando a lei di que tería que ser con 5. Hai sentenzas que lle quitan a razón pero nin sequera queren facer o que manda a xustiza, até tal punto queren imporse” asegurou.

Outra das demandas da patronal é incluír as ETTs para o que queiran, cando está regulado en convenio que só se poida recorrer a elas para substitucións, baixas e vacacións. As propias ETTs impugnaron diante do TSXG o convenio para que se suprimira esa limitación atendendo á reforma laboral. “A xustiza deunos a razón e as partes podemos delimitar o noso ámbito. Perderon nos tribunais e agora queren metelo en convenio”.

A patronal de Pontevedra tamén pretende rebaixar a penalización por contratación eventual de 20 a 12 días e que esta se pague ao final. A este respecto Manuel Simón lembrou que hai 18 anos –cando a contratación indefinida no sector era de tan só un 20% - se conseguiu introducir en convenio a penalización de 20 días por ano traballado con contrato eventual. “Inicialmente pagábase ao final pero a maioría das empresas utilizaban a chantaxe para asinar novos contratos e así non pagar as indemnizacións”. Sinalou que hai 12 anos se conseguiu recoller en convenio que se pagaría mes a mes e incluído na nómina como plus de eventualidade e denunciou que iso é o que a patronal quere recortar.

Xunto a isto, no convenio de Pontevedra contémplase a obriga de que as empresas teñan un 50% de indefinidos/as -porcentaxe que pretenden rebaixar ao 40%- e contratos de formación para rapaces de 16 a 20 anos por un máximo de 24 meses. Neste caso a patronal o que quere é ampliar o período de formación, tamén atendendo á reforma laboral, dos 16 aos 30 anos e por un período de 30 meses.  

O responsábel nacional de Negociación Colectiva da CIG-Industria explicou que estes traballadores/as cobran o SMI en proporción ao tempo efectivo de traballo. “Como mínimo teñen que ter cada día o 15% de formación, polo que cobrarían o SMI menos o 15%, uns 500€”. Porén, denunciou que xa agora ese tempo de formación non se cumpre, que estes traballadores/as fan o traballo de peóns ou especialistas cobrando por debaixo do salario que correspondería, e que esta situación a patronal quere prolongala medio ano máis e para traballadores/as até os 30 anos.

A patronal de Pontevedra ofrece un incremento salarial de tan só o 0,5% pero a partir da sinatura do convenio, isto é: sen atrasos. “Ese 0,5% para un oficial de primeira equivalería a 6€, ou sexa, 6€ de outubro, 6€ de novembro e 6€ de decembro: 18€ para este ano e un 0,75% para 2016, sen clausula de revisión, nin atrasos que en todo caso só suporían 95€”, explicou. Cantidade que considerou que “para nada poden pór en perigo a viabilidade de ningunha empresa”.

Parálise no convenio da Coruña

Pola súa banda Pepe Maio, responsábel de negociación colectiva da Coruña e membro da Executiva da CIG-Industria explicou que a vixencia do convenio provincial da Coruña caducou en decembro de 2014. Prevendo esta situación constituiuse a Mesa negociadora en setembro do ano pasado.

“Non se volveu a reunir até o 26 de maio deste ano e foi a instancia das centrais sindicais. Transmitimos que antes do inicio do verán había que pór en marcha a negociación. A patronal non di nin que si nin que non, só que vai ser complicado porque a esa altura non tiñan aínda unha plataforma”.

O resultado é que aínda non houbo ningunha outra xuntanza. “Falando dun convenio que se lle aplica a máis de 20.000 traballadores/as na provincia pensamos que é unha situación o suficientemente grave como para que a isto lle haxa que dar unha contestación pública”, afirmou Maio.

Convenio galego do sector

Diante deste panorama a CIG reclamará, na manifestación do mércores, que se homoxeneicen as condicións de traballo. En palabras do secretario nacional da CIG-Industria “ir a un único convenio galego do Metal que permitiría unificar as condicións laborais e salariais dos traballadores/as do sector, para que non haxa discriminación entre uns e outros, e evitar a competencia desleal entre empresas de diferentes provincias onde os salarios son máis baixos”.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook