As traballadoras do metal pontevedrés incrementarán a presión sobre a patronal para forzar un acordo sobre o convenio

A CIG-Industria convoca unha manifestación en Santiago contra o bloqueo das negociacións nas catro provincias


As traballadoras do sector do metal da provincia de Pontevedra incrementarán a presión sobre a patronal co obxectivo de forzar un acordo sobre o convenio colectivo, unha vez que hoxe se retomaron as conversas entre as partes tras tres meses paralizadas e tras constatar que as empresarias achegan propostas “inasumíbeis”. Por outra banda, a CIG-Industria vén de convocar unha
manifestación para o 21 de outubro en Santiago para rexeitar o bloqueo das negociacións sobre o convenio nas catro provincias galegas.  
Representantes dos tres sindicatos maioritarios do sector do metal galego, CIG, CCOO e UGT, compareceron hoxe en rolda de prensa en Vigo tras a xuntanza mantida coa patronal para anunciar a convocatoria de novas mobilizacións despois de que os empresarios/as lles trasladasen "propostas inasumíbeis". Entre elas, salientan a intención da patronal de modificar o complemento de eventualidade -que na actualidade se cobra ao remate da cada mes e que equivale a 20 días por ano- para que pase a cobrarse ao final do contrato e se rebaixe aos 12 días por ano.

Segundo denuncian dende as centrais, na práctica isto suporía unha importante perda de poder adquisitivo para os empregados/as eventuais, algo que consideran especialmente grave nun sector con máis dun 30% de eventualidade. A situación aínda se agravaría máis no caso de que o complemento pasase a ingresarse ao final do contrato, xa que moitas traballadoras “veríanse obrigadas a renunciar a el no caso de que quixesen ser contratadas de novo”.

Outra das cuestións que provocan o rexeitamento dos sindicatos é a propia duración do convenio, que a patronal pretende que sexa de dous anos (2015 e 2016), e o incremento salarial, que sería do 0,5% no primeiro e do 0,75% no segundo. O único tema no que existe achegamento é na limitación de contratación a través de ETT, que o empresariado accedeu a non modificar.

Diante disto, as tres centrais anunciaron que desenvolverán un calendario de mobilizacións que podería incluír unha xornada de folga no sector. A primeira protesta terá lugar o vindeiro día 15, dous días despois da data fixada para o novo encontro entre as partes, que sará o día 13 ás 17.00 horas. “Gustaríanos que o día 15 puidésemos convocar os traballadores/as para explicarlles os detalles do acordo, pero vendo a actitude da patronal sabemos que non vai ser posíbel”, indican dende os sindicatos.

Deste xeito, para o día 15 fixaron a celebración de até cinco mobilizacións simultáneas, tres en Vigo (unha por cada un dos tres sindicatos), unha en Pontevedra e outra en Vilagarcía (estas dúas conxuntas), a partir das 19.30 horas. A CIG escolleu para ese día a convocatoria dunha manifestación que partirá do local sindical e regresará ao mesmo punto tras dar volta na rotonda da Travesía.

Manifestación en Santiago

Por outra banda, dende a federación de Industria da CIG anunciaron que celebrarán unha manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro día 21 (dende a Alameda ás 11.00 horas) para rexeitar a paralización das negociacións do convenio do metal nas catro provincias galegas. A central denuncia que a patronal négase a negociar os novos acordos e manteñen conxelados os salarios do persoal.

“Os empresarios/as néganse a negociar, coa idea de impoñer a reforma laboral do PP (flexibilidade de xornada, baixada de soldos, precarización da contratación a través das ETT, etc.), polo que reclamamos que se senten a falar para chegar a acordos que desbloqueen esta situación”. Así, lembran que en Pontevedra e Coruña o convenio rematou en decembro de 2014, pero no caso de Lugo e Ourense fíxoo en decembro de 2012.

Ao mesmo tempo, consideran que este é tamén o momento de negociar un convenio galego do sector “que nos iguale en condicións laborais e salariais”, o que evitaría a competencia desleal entre as empresas. “Mais, mentre non haxa novos convenios colectivos demandamos a inmediata revisión das táboas salariais”.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook