Solidariedade coa familia de Carlos Midón, vítima da usura e dunha lexislación que prima os intereses da banca fronte as persoas

Este luns, un ano despois do despexo da súa casa en Aríns, Carlos quitouse a vida.

O 19 de setembro de 2014 un desproporcionado operativo policial despregábase en Aríns para desafiuzar a unha familia. Na tarde-noite deste luns, día 21 de setembro, un ano despois de aquel suceso, Carlos Midón, quitábase a vida. Porén a CIG-Compostela
considera que hai responsábeis e que o son quen deixaron á súa familia sen casa, e sen medios, e a casa desocupada desde hai un ano.
Anxo Noceda, secretario comarcal, denuncia a actuación da xustiza, da fiscalía e dos gobernos de turno por expulsar a unha familia con nenos pequenos e maiores ao cargo, a familia de Carlos Midón, na rúa. “Preferiron deixar baleira a casa durante todo este ano, sen preocuparse da situación á que se abocaba a estas persoas”.

Para a CIG-Compostela este caso pon en evidencia a ausencia de políticas sociais que permitiran adoptar medidas que, cando menos, paliaran a súa situación. “Preguntámonos se non tería sido máis doado que puideran seguir residindo nesa vivenda no canto de expulsalos e provocar, coas súas decisións e actitudes, a morte de Carlos”.

Noceda lembra ademais que é até tal punto inxusto o sistema que se castigou a quen amosou a súa solidariedade neste desafiuzamento e que mesmo algunhas das persoas que participaron na concentración para intentar frealo foron sancionadas.

“Aquí queda claro como funciona o capitalismo, como os poderes se apoian uns os outros para garantir os privilexios duns poucos sen importar as consecuencias que teñan para a vida das persoas. Provoca máis que indignación esta situación, sobre todo logo da actuación dun poder político ao servizo do poder económico, que non tivo problema en rescatar á banca cos nosos cartos mentres segue a exercer de verdugo do pobo”, afirma o secretario comarcal da CIG de Compostela.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook