A Fiscalía pide imputar a Caballero e Louzán pola 'Operación Patos'

Implica a políticos, funcionarios e construtores na rede de tráfico de influencias do caso Patos, que salpica a seis concellos, a Xunta e a Deputación de Pontevedra.

A Fiscalía de Delitos Económicos de Vigo, que investiga a trama de tráfico de influencias destapada na operación Patos, solicitou á titular do Xulgado de Instrución número 7 de Vigo
que impute a outras 49 persoas. Entre eles está o alcalde de Vigo, Abel Caballero, por aceptar, supostamente, un reloxo e unha estilográfica como agasallo do Nadal, e o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, por unha presunta concesión irregular de obras. O alcalde de Vigo negou onte «con toda contundencia e de xeito categórico» ter recibido ningún agasallo de Eiriña.

Cinco implicados xa estaban incriminados desde o 2014 e solicítase que catro deles volvan declarar. O fiscal tamén pide procesar a 9 cargos políticos máis, 11 funcionarios ou técnicos, 22 empresarios da construción, 3 traballadores contratados, e seis
membros dun tribunal de cualificación de emprego de Nigrán, entre outros. Destacan o exvicepresidente da deputación e concelleira de Vigo, José Manuel Figueroa, a delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, e os concelleiros vigueses Anxo Rivas, David Regades e Isaura Abelairas, o exalcalde de Nigrán, Alberto Valverde Pérez, e o exconcelleiro de Obras nigranés José Álvarez Valverde (imputado desde febreiro do 2014).

A xuíza decidirá esta semana si confirma tales imputacións. A investigación comezou no 2013 con escoitas telefónicas ao administrador único da construtora Eiriña, Enrique Alonso Pais, considerado como o cerebro da trama. O informe da Unidade de Delincuencia Económica e Financeira (UDEF), con base na Coruña, baséase en documentos requisados nesa empresa e Cespa e en despachos de 6 concellos. En Vigo, sacaron papeis da delegación da Xunta, o Consorcio do Casco Vello, a Autoridade Portuaria e a Deputación de Pontevedra.
Pais tería agasallado a cargos políticos e funcionarios por ter acceso ás ofertas rivais en concursos públicos ou executar obras sen previa contratación.

O fiscal eximiu de culpa ao Consorcio da Zona Franca de Vigo, onde non achou material comprometedor, e a tres empresas que terían pactado subir os prezos a Aqualia para a recollida de lodos en 18 depuradoras galegas porque non foi un concurso público nin unha poxa.

O número de investigados será aínda maior porque o fiscal pediu a creación de pezas separadas sobre contratos e obras irregulares nos concellos de Ponteareas, Ourense, Santiago e Pontevedra. Quedarían fóra do ámbito territorial da xuíza de Vigo, que se centrará na peza principal e Nigrán.

Varios imputados, como Rafael Louzán ou o alcalde de Vigo, aparecen nunha lista incautada a Pais. Tiña anotados os seus nomes para enviarlles agasallos «especiais» en Nadal. Só son delito as prebendas aceptadas despois do 2009, pois non prescribiron. Na lista aparecen outros políticos para os que, de momento, o fiscal non pide a imputación, como Agustín Hernández (un reloxo de 3.600 euros no 2009, cando era conselleiro), a súa sucesora Ethel Vázquez, Corina Porro e outros.

Concello de Vigo
Abel Caballero e tres concelleiros. O fiscal quere interrogar ao alcalde de Vigo sobre un reloxo valorado en 1.750 euros que tería recibido como agasallo do Nadal no 2010 e unha pluma de ouro e prata no 2009. Polo seu elevado prezo, un funcionario ou autoridade nunca debe aceptalo. O fiscal tamén pide que declare Isaura Abelairas porque Eiriña regaloulle un colar e pendentes no 2010 e unha pluma de ouro e prata no 2009. No informe policial hai unha factura de rectificación da pluma de Caballero por 1.500 euros. No Concello de Vigo non consta a entrada do reloxo.

Tamén propón que o concelleiro de Parques e Xardíns, Anxo Rivas, imputado na operación Formigón, responda respecto da contratación de plantacións na avenida de Castelao, a ampliación do contrato de mantemento de xardíns e a realización por Cespa de pagamentos que corresponderían ao Concello de Vigo como publicidade institucional, colaboracións ou pagamento de viaxes de persoal do Concello e a recepción de agasallos de Eiriña.

O concelleiro de Fomento, David Regades, debería aclarar unhas supostas irregularidades nun centro de Interpretación de Vigo e a Ría e varias reformas de rúas. Os tres concelleiros reiteraron onte a súa inocencia. Ademais, o fiscal quere solicitar o expediente de contratación de obras no estadio de Balaídos.

Deputación de Pontevedra
Rafael Louzán. O expresidente debería aclarar contratos no campo de fútbol de Moraña, Coia e Coruxo, o abastecemento de Nigrán, Olveira e Poio, unha ponte na Estrada, a reforma do centro social de Pena Moura ou o acondicionamento de áreas en Chans, Bembrive e a súa capela, e agasallos. Figueroa respondería por Coia.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook