Lidl pretende aplicar un convenio propio de ámbito estatal que suporía a perda de 3.000 € de media anual por traballador/a

Delegadas da CIG-Servizos na cadea concentráronse este xoves no centro da Rocha, en Compostela, en demanda dun convenio galego.

Con asubíos, bucinas e moito ruído concentráronse este xoves, delegadas e delegados de Lidl diante do supermercado que a cadea ten na Rocha, en Compostela. A mobilización
insírese nunha campaña nacional de protestas –das que a primeira tivo lugar en Vigo o pasado día 3 de setembro- contra a decisión da empresa de negociar un convenio propio estatal que suporá para cada traballadora e traballador/a galego unha perda dunha media de 3.000 euros anuais.

A intención de Lidl con este novo convenio propio a nivel estatal é conseguir unhas condicións por debaixo dos convenios provinciais para poder competir coas outras cadeas de alimentación que teñen convenios propios. Isto, segundo cálculos da CIG-Servizos,
provocará unha perda salarial duns 3.000 euros ao ano para cada traballador/a, co agravante de que a maioría do persoal son mulleres. “Estamos falando de que máis do 90% son traballadoras que teñen contrato a tempo parcial”, explican.

A multinacional alemana pretende deixar de aplicar o convenio colectivo vixente neste sector –como o que aplican as cadeas galegas como Gadis ou Froiz- empeorando así as condición de traballo. “Este convenio recolle, entre outras, medidas como a conxelación salarial ou facilita aínda máis á empresa a desregularización horaria e así poder dispor do tempo das traballadoras e traballadores segundo o exixa a “produtividade”.

A CIG-Servizos lembra que a multinacional obtivo en 2014 uns beneficios de 27 millóns de euros. “Beneficios que debe agradecer ás súas traballadoras e traballadores”, afirman.

Con esta campaña de mobilizacións a CIG demanda da dirección de Lidl que se aplique en Galiza o mesmo acordo negociado en Euskal Herria, petición que xa foi tramitada e remitida por escrito tras asinaren todas/os as/os delegadas/os de todos os sindicatos con representación en Galiza.

Malia isto, a CIG-Servizos critica que a empresa se reunise xa a nivel estatal con CCOO e UGT sen ter avisado á CIG o que fai temer que en breve se presente ese convenio estatal.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook