A CIG denuncia a falta de material nunha residencia para maiores en Compostela

Sinalan como moi grave a non reposición de material avariado e a restrición a tres cueiros por día e residente en Volta do Castro.

Traballadoras/es do centro de maiores Volta de castro
A sección sindical da CIG asegura que isto provoca graves dificultades para atender aos 150 residentes do Centro de Maiores compostelán
A sección sindical da CIG na consellaría de Política Social vén de remitir un escrito ao conselleiro, José Manuel Rey Varela, para denunciar as graves dificultades para atender ás/aos 150 residentes da Residencia de Maiores Volta do Castro, en Compostela, por mor da non reposición de material avariado e a restrición de cueiros a tres por día e residente. Unha situación que consideran inadmisíbel nun centro público e para a que demandan unha urxente solución.
No escrito lembran ao conselleiro que se comprometeu, no Parlamento de Galiza, a efectuar a dotación necesaria para solucionar os problemas de escaseza de material e medios avariados na Residencia de Volta do Castro.

Porén, denuncian que a data de 5 de xaneiro o centro continua cunha lavadora que leva avariada máis de 6 meses, o que imposibilita o normal desempeño do traballo en lavandaría para dar servizo a un centro con 150 residentes asistidos. A isto engaden a restrición a 3 cueiros por día e residente. Por iso consideran unha “milagre” manter en condicións de limpeza e hixiene a roupa de cama e dos usuarios. “O persoal e os residentes soportan estas carencias nuns limites de laboriosidade e dilixencia, propias de épocas de escaseza terceiromundista”, afirman.   

Xunto a isto denuncian que non se deu cobertura á totalidade do persoal ausente por vacacións e permisos concedidos durante o Nadal, o que obrigou a todos os departamentos da Residencia a traballar, desde o día 23 de decembro, con persoal escaso e insuficiente, mesmo por debaixo do número marcado como servizos mínimos marcados para un caso de folga. Esta situación provoca, segundo a sección sindical da CIG, a sobrecarga de traballo para o persoal que esta en quendas e a imposibilidade de realizar as atencións normais e diarias que necesita o mantemento da Residencia de Maiores  e os seus 150 usuarios. “O traballo realízase en condicións de estrés laboral e  atencións primarias, con acumulación de tarefas e anulación de servizos básicos”, denuncian.

Diante disto demandan do conselleiro de Política Social a adopción efectiva e urxente das medidas necesarias para dotar de persoal e medios a Residencia de Maiores.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook

0 comentarios:

Publicar un comentario