Máis de 476.000 familias recoñecen que acaban o mes “con dificultades” e case 138.000 con “moita dificultade”. Nun de cada tres fogares de Galiza os seus ingresos proceden só de prestacións.
Seis de cada dez fogares de Galiza recoñecen que chegan a final de mes con dificultade ou con moita dificultade, segundo o informe publicado esta terza feira polo IGE. Un 58% das familias recoñecen esta situación, o que supón un aumento a respeito do ano anterior, en que a porcentaxe era do 57%. De cada 100 fogares galegos, 45 afirman que chegan a final de mes con “dificultade” e 13 con “moita dificultade”. Na outra cara da moeda, os 42 que afirman que acaban o mes con facilidade ou moita facilidade.
Así pois, hai 476.000 fogares no país que pasan dificultades para acabar o mes e 138.000 que pasan moitas dificultades. Esta radiografía do país que ofrece a 'Enquisa estrutural a fogares' tamén indica que nun 32% dos fogares os seus ingresos proceden só de prestacións. E para o 44,6% das familias as prestacións representan máis da metade dos seus ingresos.
Aliás, o 22% da poboación que vive en Galiza está en risco de pobreza ou exclusión social. Dase un incremento na poboación entre 50 e 60 anos de idade, mentres que entre os de máis de 65 anos baixa lixeiramente.
Fonte: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/cada-dez-familias-galegas-chegan-dificultade-fin-mes/20151229143304043728.html
0 comentarios:
Publicar un comentario