As mulleres do sector do cerco póñense á fronte da loita

Máis de 160 mulleres pasaron a noite acampadas en San Caetano, diante da Xunta de Galiza, para reivindicar algo que, salientan, é de xustiza: poder seguir vivindo do mar, como fixeron os seus bisavoas e avoas.

Imaxe: @anamirandapaz
pasada noite 160 mulleres cambiaron as súas camas por tendas de campaña. Son as mulleres do cerco, todas elas relacionadas dunha ou doutra maneira co sector, as que substituíron os homes para sumar unha noite máis na acampada reivindicativa da frota do cerco en San Caetano, diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza. Precisamente hoxe cúmprense 52 días desde que mariñeiros e armadores, obrigados a deixar o mar pola falta de cotas, decidiron acampar nas proximidades dos despachos do Goberno galego.

Maite, de Portosín, é armadora e redeira. Cóntalle a Sermos Galiza que as mulleres se puxeron á fronte dos protestos esta fin de semana en apoio aos homes, “están moi decaídos, levan aquí tantos días… e ninguén da Xunta se dignou a achegarse a preguntar por que estamos aquí e que é o que necesitamos”. Sinala que nas últimas semanas o desánimo está a deixar pegada en armadores e mariñeiros, “algúns chegan a casa sen palabras, sen máis nada que contar… algúns non queren nin erguerse da cama”.

"Creo que o imos conseguir porque é de xustiza que nos permitan seguir vivindo do mar como fixeron as nosas bisavoas, avoas e, no futuro, as nosas fillas"


“Queremos animalos, darlles a forza necesaria para conseguir que permanezan acampados até o día 20”. Dinos que confía en conseguir que as súas reivindicacións se fagan realidade antes da xornada electoral. “Creo que o imos conseguir porque é de xustiza que nos permitan seguir vivindo do mar como fixeron as nosas bisavoas, avoas e, no futuro, as nosas fillas”, salienta. “Somos máis de 1.200 familias afectadas de maneira directa polo reparto inxusto das cotas en base aos históricos, e máis de 6.000 familias afectadas de maneira indirecta”, explica.


Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook