A CIG non asina o convenio do metal de Pontevedra porque o empresariado se negou a introducir as propostas sindicais

A central mantén a mobilización desta tarde en Vigo e aproveitará para explicarlle aos traballadores/as o preacordo entre a patronal e CCOO e UGT.


A federación de Industria da CIG non asinou onte o preacordo de convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra ratificado por CCOO, UGT e a patronal porque o empresariado se negou a introducir e mesmo a debatir as propostas achegadas dende a parte sindical. A central mantén a mobilización desta tarde en Vigo (Vía Norte, 20.00 horas) e aproveitará para explicarlle aos traballadores/as o contido do documento.

Dende a CIG-Industria denuncian que nas case 20 xuntanzas celebradas entre as partes sempre se negociou en base ás propostas da patronal, que en ningún momento se amosou disposta a introducir ou mesmo a debatir as achegas da parte sindical.


En canto ao contido do acordo, indican que non poden asinar un texto que mantén o articulado do anterior convenio -que tampouco fora asinado pola CIG- no referente á distribución irregular da xornada e que supuxo “consagrar a reforma laboral no convenio”. Tampouco se modificou a duración da xornada anual, unha das máis altas da provincia.

Ao mesmo tempo, neste preacordo retírase do convenio a cláusula adicional segunda que regula os pluses de tóxicos e penosidade no sector naval. Tamén se incrementan os contratos de formación dos 20 aos 25 anos e de 24 a 30 meses, “establecendo retribucións que supoñen unha perda media mensual de 300 euros por traballador/a con respecto aos acordo do marco estatal”.

Créase un novo punto de produtividade e competividade no que se lle dá liberdade ás empresas para adaptar as necesidades de produción en situacións de irregular carga de traballo, “o que supón que poderán distribuír iregularmente a xornada laboral ao longo da semana”.

Mobilización en Vigo

En canto á subida de soldos pactada, establécese un incremento do do 0,5% en 2015 e de 1,25% en 2016 e non se incorpora a cláusula de revisión salarial en función do IPC. “Hai que lembrar que este convenio só subiu un 3,75% os soldos en cinco anos, moi por debaixo do custe real da vida e dos acordos marcos estatais entre CCOO, UGT e a patronal”.

Finalmente, dende a CIG inciden en que todos os aspectos que se inclúen no preacordo do convenio e que son presentadas polas partes asinantes como logros “xa están recollidos no propio Estatuto dos Traballdores/as”.

Diante disto, a central mantén a mobilización prevista para esta tarde en Vigo, en Vía Norte ás 20.00 horas, que aproveitará para explicarlle aos traballadores/as do sector os principais contidos do preacordo e os motivos que a levaron a non asinalo.

Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook