O persoal de Editorial La Capital secunda masivamente a terceira xornada de folga en menos de 15 días

Baixo a consigna "por cada despedimento, unha folga ", as traballadoras e traballadores de Editorial La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños e DxT Campeón) están a secundar masivamente (máis do 80%) a terceira xornada de folga convocada en menos de quince días. Súmanse así catro paros no que vai de ano en demanda do cobro dos salarios, un plan de viabilidade e garantías na continuidade dos empregos e das cabeceiras do grupo.
Con motivo desta nova xornada de folga, os traballadores e traballadoras dos diferentes xornais realizaron actos de protesta para visibilizar o conflito tamén nas rúas. Se hai dúas semanas as mobilizacións focalizáronse en Ferrol (onde a empresa despediu a dúas das xornalistas máis veteranas do Diario de Ferrol) e en Vilagarcía (sede do Diario de Arousa), desta volta foi o persoal de El Ideal Gallego e DxT Campeón quen levou ás súas reivindicacións ao centro da Coruña.
Nunha concorrida concentración no Obelisco, que contou coa presenza de compañeiros e compañeiras doutros medios así como representantes de organizacións políticas, sindicais e sociais, Maica Rodríguez, Presidenta do Comité, denunciou que nos dous últimos anos o persoal sufriu dous EREs temporais, conxelación salarial, atraso no pago das nóminas e despedimentos.
Precisamente, o último despedimento executado no grupo empresarial foi o dunha traballadora de El Ideal Gallego. “Hoxe somos un 30% menos de traballadoras e traballadores que hai un ano”, subliñou Rodríguez, quen engadiu que a empresa aínda ten pendente de abonar os soldos de xullo, agosto e media paga extraordinaria de decembro pasado.
Porén, apuntou a representante do persoal, “esta situación é máis sangrante se cabe sabendo que estes cartos que nos adebedan están sendo utilizados para pagar as indemnizacións dos compañeiros e compañeiras despedidas”.
Falta de diálogo e solucións por parte da empresa
Neste contexto, a empresa non tentou sequera abrir unha vía de diálogo coa representación do persoal, limitándose a manobrar ante cada convocatoria de folga para lograr que os xornais aparezan nos quioscos, aínda que os seus contidos se limiten a reproducir as notas institucionais enviadas dende os gabinetes, sen interpretar nin confrontar as informacións publicadas. Pois estas son as tarefas propias dos e das xornalistas que hoxe non acudiron aos seus postos por estar en folga.
Unha folga, lembran, por unhas condicións de traballo dignas, polo cobro regular dos salarios, ou contra os despedimentos incesantes que minoraron brutalmente os cadros de persoal de cada unha das cabeceiras. Mais unha folga para esixir tamén un plan de viabilidade que garanta a continuidade dos empregos e dos proxectos xornalísticos de Editorial La Capital, conscientes da importancia de contármonos cunha prensa propia, conectada coa realidade local na que se insire.
“Temos claro que chegamos a este punto por culpa da desidia da empresa, da mala xestión e da absoluta improvisación da dirección, unha actitude que se contrapón co compromiso e a profesionalidade mostrada por parte dos traballadores e traballadoras ao longo destes últimos anos”, afirmaba Maica Rodríguez durante a protesta.
Recollendo apoios entre as corporacións locais
Os traballadores e traballadoras tamén están a recoller apoios naqueles concellos nos que fan cobertura mediática directa, pondo o acento na importancia que ten para a cidadanía poder de contar cunha información próxima. Así, alén de manter xuntanzas con alcaldes e alcaldesas teñen presentado mocións para que os plenos se pronuncien a favor do mantemento da actividade dos xornais que edita o grupo empresarial e na defensa dunhas condicións de traballo dignas.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook