Máis de 200 aulas de colexios públicos superan a ratio máxima establecida

Hai máis de 200 unidades nos centros públicos de Galiza onde non se está a cumprir a normativa de ratios de alumnado, co que iso supón na merma e mingua da calidade do ensino. 

Colexio público de Balaidos
A Plataforma galega en defensa do ensino público presentou esta terza feira perante o rexistro xeral da Xunta un escrito no que exixen á Consellería que asuma as súas responsabilidades e cumpra a normativa. De non facelo, advirten, a plataforma non dubidaría en recorrer á vía xudicial.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, lembrou que a ratio máxima establecida é de 25 alumnos para infantil e primaria, 30 en secundaria e 35 en Bacharelato. E en máis de 200 unidades, segundo un esudo realizado pola Plataforma, non se cumpre con esa normativa, superando o número de estudantes por aulas. E, como indica Louzao, poderían mesmo ser máis de 200 unidades de contar cos dados de estudantes que repiten curso e aqueles que se incorporan tarde (por exemplo, por cambio de morada).

Desde a PGDEP consideran que é necesario reducir o número de alumnos por aula, pois ´é algo que inflúe positivamente na calidade do ensino, para alén de asegurar a “atención á diversidade”.

Anunciou que a Plataforma agardará por unha resposta de Educación e que se esta é negativa recorrerán á vía do Contencioso-Administrativo. “Estamos falando das ratios máximas que as administracións galegas terían para reducir, como fixo algunha comunidade autónoma, pero estamos ante un goberno galego que o que fai é masificar as aulas co que iso supón”.

Esther Martínez Piñeiro, en nome das ANPAS de Compostela, reiterou que o que se está defendendo é a calidade do ensino público e o que o número de alumnos e alumnas por aula por enriba das ratios “lonxe de ser algo excepcional estase convertendo case nunha situación habitual”.

Fonte: http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/mais-200-unidades-colexios-publicos-superan-ratio-maxima-establecida/20160118140640044139.html
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook

0 comentarios:

Publicar un comentario