As afiliadas/os á Seguridade Social baixan en Galiza case o triple do que aumentou o paro

A cantidade de persoas beneficiarias de prestacións descende e xa é inferior ao 50%

O desemprego sobe en Galiza o 0,94%, acadando os 215.737 desempregados/as e faino por riba da media do Estado, onde o incremento foi
do 0,64%. O paro increméntase máis que no mes de setembro do pasado ano, cando a subida fora do 0,5%. Porén, a afiliación á Seguridade Social cae en 5.700 persoas, case o triple do que aumentou o paro.

A CIG salienta a evolución típica dos datos de paro de setembro, mes no se produce un incremento do desemprego vinculado ao sector Servizos. De feito sobe o paro neste sector un 2,43% mentres que descende lixeiramente no resto e sobe especialmente na provincia de Pontevedra.

Mantense en todo caso a temporalidade na contratación e de feito só o 7% dos contratos asinados no mes de setembro foron indefinidos. Se ben é certo que hai un tímido medre da contratación indefinida respecto do mes anterior (en agosto a contratación indefinida foi de tan só o 5,1%) hai que vinculalo precisamente ao sector servizos porque cando hai máis actividade neste sector –período estival- a temporalidade é tamén maior.

Con todo, o máis preocupante é a caída da afiliación á Seguridade Social en 5.700 afiliadas/os menos,  mentres que o incremento do número de persoas desempregadas rexistradas foi de tan só 2.005. Datos que obrigan a preguntarse por que desaparecen 3.695 persoas ou se estamos diante dun novo éxodo de galegos/as ao exterior en busca dun posto de traballo.

Para a CIG esta situación cómpre vinculala ao crecemento económico que en Galiza foi tan cativo como para quedar de última da cola en 2014, o que ten consecuencias obvias na “non” creación de emprego.  

Isto contrasta, segundo valora o secretario confederal de Emprego, Miguel Malvido, coas declaracións propagandísticas dos membros do goberno galego encabezado polo seu presidente. “Fixeron reformas laborais que provocaron rebaixas de salarios, contratos lixo, despedimentos máis baratos, perda de dereitos laborais e sociais. Reformas cun marcado carácter ideolóxico que só beneficiaron ao sector empresarial”, afirma.

Fronte a isto denuncia que o que non se fixo foi articular medidas destinadas a favorecer os nosos sectores produtivos, “non xa as que propuxemos nós a través da ILP que varreu o PP coa súa maioría parlamentaria, senón ningunha outra”.

Por iso exixe que en vez de pensar en lexislar en función dos intereses da patronal se comece a pensar nos intereses das galegas e dos galegos e a gobernar para o conxunto do país.

Exclusión social

Especialmente grave é, para Malvido, que parello a isto só o 49% das persoas desempregadas, 106.539  son beneficiarias dalgunha prestación e que destas, só o 44,07% perciben unha prestación contributiva. Unha situación que debería obrigar tamén ao goberno galego a adoptar, de inmediato, medidas para evitar que as miles de persoas que non teñen ningún ingreso se vexan abocadas á exclusión social.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook