A plataforma 'Non ao TTIP Galiza' convoca unha marcha en Vigo para rexeitar os acordos de libre comercio con EEUU e Canadá

A manifestación terá lugar este sábado 10 dende a Praza da Independencia ás 20.00 horas


                                           
A plataforma Non ao TTIP Galiza, da que fai parte a CIG, convoca para o vindeiro sábado 10 de outubro unha manifestación enVigo contra os tratados de libre comercio TTIP, CETA, TISA e TPP. A marcha desenvolverase baixo o lema 'Comercio en beneficio do pobo, non das multinacionais' e partirá da Praza da Independencia ás 20.00 horas.
Esta nova mobilización terá lugar simultáneamente en diferentes cidades de distintos países do mundo, nas que a cidadanía sairá á rúa para rexeitar este acordos comerciais e en prol da igualdade, os dereitos sociais e laborais, a defensa ambiental e a democracia real. No caso de Vigo, a marcha arrincará da Praza da Independencia e pasará da Praza de América camiño do Parque de Castrelos, onde rematará coa lectura dun manifesto.

Toda a información sobre a mobilización a campaña da plataforma Non ao TTIP Galiza está dispoñíbel na páxina webhttp://nonaottip.96.lt/, na que quedarán recollidos os principais eventos e datos da campaña, así como os colectivos asinantes.

Nin CETA con Canadá, nin TTIP con Estados Unidos

Dous tratados, chamados de “comercio e investimentos”, ameazan moi seriamente as nosas condicións de vida. Un deles xa negociado con Canadá (CETA) e outro aínda en negociacións con Estados Unidos (TTIP), que se unen á longa lista de tratados semellantes que se negocian entre países formando un tecido compacto que ameaza seriamente a democracia e a soberanía en todo o mundo.

Todos estes tratados teñen características comúns:

-Non son tratados comerciais aínda que os disfracen así. Os aranceis dos intercambios comerciais entre a Unión Europea, os Estados Unidos e Canadá foron eliminados para a inmensa maioría dos produtos ou, cando existen, son extremadamente reducidos. O obxectivo real é a eliminación de calquera impedimento aos investimentos das empresas transnacionais, suprimindo os controis e as condicións derivados das lexislacións nacionais.

-Son antidemocráticos. Todos eles se negocian secretamente desde hai anos por “técnicos” descoñecidos que só dan contas aos gobernos ou á Comisión Europea. Nin os parlamentos, nin os cidadáns e cidadás coñecen os contidos concretos das negociacións. A Comisión Europea pretende que se aproben definitivamente polo Europarlamento, sen que os Parlamentos nacionais poidan pronunciarse ao respecto.

-Entrarán en vigor con cláusulas secretas. Algunhas addendas, cláusulas e anexos, non poderán ser divulgados ata 10, 15 ou 25 anos despois da súa aprobación e aplicación.

-Reducen a soberanía nacional, supeditándoa aos intereses económicos dos grupos empresariais. Os diferentes estados terán que modificar toda a lexislación nacional que se opoña ou dificulte a actividade das empresas. As empresas poderán demandar xudicialmente os estados se se consideran prexudicadas por algunha lei nacional, pero os Estados non poderán demandar as empresas. As demandas serán resoltas por tribunais privados exentos de aplicar o Dereito nacional e o internacional.

-Desregulamentan as relacións laborais por seren un impedimento para a obtención de beneficios. De igual xeito, revisaranse á baixa as lexislacións de protección da natureza, control de agrotóxicos, seguridade alimentar, produtos médico-farmacéuticos, cultivo de transxénicos, utilización de hormonas na alimentación animal...

-A privatización será practicamente total. Todas as actividades industriais , comerciais e de servizos entran no catálogo de actividades a privatizar. Só tres excepcións: control de fronteiras, control do espazo aéreo e aparello xudicial.

Galiza terá terá moito máis limitada a súa capacidade de intervención na economía e na sociedade, agravando aínda máis a nosa dependencia de Madrid e Bruxelas.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook