Traballadoras/es do sector conserveiro protestan diante da patronal pontevedresa en Vigo para esixir un convenio galego xusto

A FGAMT-CIG denuncia que o acordo que CCOO e UGT negocian en Madrid mantén a discriminación salarial coas mulleres.
Un nutrido grupo e traballadoras/es e delegadas/os sindicais do sector da conserva desenvolveron unha acción de protesta diante da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) en Vigo o venres pasado para reclamar un convenio colectivo galego xusto. Dende a FGAMT-CIG denuncian que o acordo que CCOO e UGT están a negociar en Madrid mantén a discriminación salarial coas mulleres.



Persoal da conserva galega mobilizouse diante da sede da patronal pontevedresa ao berro de “Convenios aquí e non en Madrid” para reclamar que a negoción colectiva se faga dende Galiza, xa que o noso país concentra o 90% da produción e o 80 das traballadoras/as do sector.
Segundo explicaron dende a FGAMT-CIG, este luns retómanse as conversas entre as centrais sindicais e a patronal tras case tres
meses de contactos nos que apenas se produciron avances “porque tanto os empresarios/as como CCOO e UGT pretenden dilatar as negociacións”, en palabras de Rosa Abuín, responsábel do sector da conserva da central nacionalista.
Abuín criticou a actitude dos sindicatos estatais, aos que acusa de non facer forza na mesa de negociación a pesar de que a patronal pretende incrementar a xornada laboral en 40 horas ao longo dos cinco anos de vixencia do convenio. “Tamén queren que se traballe de luns a domingo, aplicar a mobilidade funcional e fixar un incremento salarial do 0% en 2015 e dun 0,5% nos restantes catro anos”, detallou.
Con todo, para a representante sindical o máis grave é que o convenio que pretenden aprobar mantén a discriminación salarial das mulleres, que seguirían a cobrar menos que os homes a pesar de que constitúen máis do 80% do persoal do sector. “A igual traballo, igual salario”, resumiu, para engadir que “queremos que o convenio deixe o século XIX e pase a ser do XXI”.
Finalmente, incidiu na importancia da mobilización e da denuncia para lograr unhas mellores condicións para as traballadoras/es do sector e lembrou a recente retirada do convenio por parte da patronal da cláusula que pretendía o pagamento en especies.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook