Persoal de mantemento das zonas verdes de Vigo aproveita o segundo día de paro para protestar na botadura dun barco en Barreras

Dende o comité salientan o masivo seguimento que a folga indefinida está a ter entre os traballadores/as

O persoal de Althenia, concesionaria do servizo de mantemento das zonas verdes do Concello de Vigo, aproveitou a segunda xornada de paro indefinido para trasladarse até o estaleiro Barreras, onde tiña lugar a botadura dun barco, co obxectivo de reclamar a
intervención do Goberno local no conflito. Dende o comité de folga salientaron o masivo seguimento que está a ter o paro entre o cadro de persoal e avanzan novas mobilizacións nos vindeiros días.

Os empregados/as da concesionaria municipal achegáronse até as instalacións do estaleiro Barreras coincidindo coa botadura dun barco para a petroleira mexicana Pemex co obxectivo de facer chegar as súas reivindicacións ao Goberno local, que estivo representado no acto. Ás portas do estaleiro despregaron unha faixa, berraron consignas e fixeron soar chifres e bucinas. Durante a protesta, que se desenvolveu sen incidentes, a Policía española identificou a varios dos participantes.


Dende o comité de folga salientaron o masivo seguimento que o paro está a ter entre o cadro de persoal dende o seu inicio o pasado luns, xornada na que optaron por presentarse no pleno municipal para denunciar a xestión da concesión por parte do concelleiro responsábel. A sesión plenaria foi interrompida en varias ocasións polo alcalde ante os berros dos traballadores/as, que finalmente abandonaron a sala para participar nunha xuntanza na Inspección de Traballo que non permitiu desbloquear o conflito.
Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook