Manifestación en Compostela por uns convenios dignos para o sector do Metal

Centos de delegados/as do Metal demandan o desbloqueo das negociacións e que se impulse un convenio galego para o sector



Entregaron un escrito na Confederación de Empresarios de Galiza e foron recibidos polo presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández
delegados e delegadas de CIG-Industria percorreron este mércores as rúas do casco vello compostelán en protesta polo bloqueo dos catro convenios provinciais. No seu percorrido fixeron unha primeira parada diante da CEG, onde entregaron un escrito que resume as súas demandas e remataron diante do Consello Galego de Relacións Laborais onde foron recibidos polo seu presidente
, Demetrio Fernández, a quen tamén entregaron un escrito e explicaron a situación na que se atopa o sector.

O secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas explicou que os convenios do Metal, que atinxen a máis de 52.000 traballadores e traballadoras (Lugo 3.500; Ourense, 4.700; A Coruña, 20.000 e Pontevedra, 24.000) repartidos en máis de 10.000 empresas, teñen os seus salarios conxelados porque as patronais “néganse a chegar a acordos e mesmo a negociar as condicións laborais e sociais”.

Por iso a CIG-Industria demandou da CEG que inste “o desbloqueo”  da negociación, que demande das asociacións patronais sectoriais “a inmediata activación das mesas co ánimo de chegar a acordos” e que mentres non haxa novos convenios colectivos provinciais asinados se proceda á “inmediata revisión dos salarios, para recuperar os que xa se levan perdidos por ter conxelado ou non negociado durante os últimos anos”.

De feito, os convenios de Lugo e Ourense remataron a súa vixencia en decembro de 2012 e os da Coruña e Pontevedra, en decembro de 2014, e tal e como explicou Bouzas ao remate da xuntanza con Fernández, xa houbo propostas por parte dalgunha patronal de aceptar un incremento salarial, a aplicar a partir da sinatura do convenio e sen ter en conta o tempo transcorrido desde a súa perda de vixencia.

A CIG-Industria tamén transmitiu á patronal a súa consideración de que este sería o momento oportuno para sentar as bases e pór en marcha a negociación dun Convenio Galego do0 Metal, no que as condicións de traballo dos traballadores e traballadoras do sector en Galiza se equiparen, e non haxa traballadores/as galegos/as de primeira e de segunda dependendo de onde estean instaladas as empresas.l Cuestión esta que entende que evitaría a competencia desleal entre elas.
No mesmo sentido se dirixiu ao Consello Galego de Relacións Laborais a quen ademais demandou que se instara, non só ás patronais do Metal, senón tamén ás outras centrais sindicais representativas do sector a reactivar a negociación colectiva dos convenios provinciais de cara a desbloquear esta situación.

Xunto a isto, os representantes da CIG-Industria solicitaron ao presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, que este organismo xestione unhas xuntanzas sectoriais coa fin de pór en común unha axeitada estrutura dos convenios provinciais, de cara a homoxeneizar o seus contidos, preparando e redactando propostas relativas a negociación colectiva sectorial para que as organizacións empresariais e centrais sindicais as poidan aplicar. Isto xunto o impulso do Convenio Galego do Metal.



Partilla no Google Plus

- kirol

Sindicato de traballadoras/es Galegas na planta de PSA Peugeot - Citroën en Vigo. Recuperando o sentir obreiro.
    Comenta google+
    Comenta Facebook